A.I.D.A (2023-2024)
Proxecto de educación emocional como estratexia de prevención de consumo de drogas en nenos e nenas de Educación Primaria.
Este programa está composto por distintos proxectos destinados á prevención e á intervención dende unha base preventiva no ámbito da drogodependencia. Comezou a implementarse durante o curso académico 2023-2024 e segue a súa implementación no curso académico 2024-2025. Trátase dun programa integrado por catro proxectos distintos, no cal a poboación diana vai en cascada (de tal xeito que primeiro traballamos cos máis pequenos, despois adolescentes, e seguimos con universitarios e, por último, con adultos. Polo tanto, no 2023-2024 abordamos dous e no 2024-2025 pecharemos os dous seguintes. Esta forma de abordaxe do programa está baseada na filosofía que se esconde detrás da asociación: traballamos para a comunidade, coidando, prioritariamente, das xeracións futuras.
En primeiro lugar, levamos a cabo un proxecto de educación emocional como estratexia de prevención do consumo de drogas con nenos e nenas de educación primaria. En segundo lugar, propuxemos un proxecto formativo para adolescentes en alternativas sobre ocio saudable. En terceiro lugar, implementaremos un proxecto de metacognición e autoanálise no abuso de substancias con mozos e mozas universitarios. Por último, levaremos a cabo un proxecto de difusión para as familias, destinado a crear un espazo seguro e de confianza no fogar e a que constitúan un grupo de apoio respecto ao ámbito das drogodependencias.
Proxecto de educación emocional como estratexia de prevención de consumo de drogas en nenos e nenas de Educación Primaria.
Tendo en conta a relación existente entre a dificultade para xestionar e estabilizar o estado emocional e as adiccións, propoñemos un programa de educación emocional para crianzas de Educación Primaria, ca fin de instruilas para que comprendan a orixe das súas emocións, así coma darlles ferramentas para canalizalas e mellorar a xestión dos seus sentimentos. A infancia é un momento clave para aprender a regular as emocións, xa que é nesta etapa do desenvolvemento na que as crianzas comezan a aprender habilidades emocionais importantes. Durante a infancia, o cerebro está a desenvolverse constantemente e os nenos están aprendendo a procesar e comprender o mundo que os rodea. Aprender a identificar as emocións, así coma a regulalas e controlalas, pode ter un impacto moi significativo na prevención das adiccións. Levouse a cabo no concello de Vedra e Negreira.
Os obxectivos xerais deste proxecto son:
- Diminuír os factores de risco e potenciar os factores de protección mediante a xestión emocional.
- Fomentar o desenvolvemento de habilidades emocionais nos nenos e nenas para previr o consumo de drogas e outras adiccións.
- Promover o benestar psicolóxico e emocional das crianzas para previr condutas de risco como o consumo de drogas.
1. Introducción ás emocións.
Nesta actividade, tras obter o nivel inicial do alumnado a través do cuestionario de avaliación inicial, levouse a cabo unha charla formativa que ampliou e reforzou os coñecementos xa existentes do alumnado presente sobre as emocións, así coma aporte conceptos e cuestións novas para o alumnado. Dita charla foi sobre a educación emocional e a súa relación co consumo de drogas. Por último, realizouse un breve debate sobre as cuestións dadas, que permitiu que o alumnado reflexione e interiorice coñecementos.
Os obxectivos foron:
- Sensibilizar sobre a importancia da educación emocional e como pode axudar a tomar decisións saudables e positivas.
- Educar sobre os efectos negativos que o consumo de drogas pode ter sobre a saúde, o benestar emocional e o futuro.
- Promover a capacidade das crianzas para recoñecer e xestionar as súas emocións, así como para tomar decisións conscientes e saudables.
- Proporcionar un espazo seguro no que os nenos e nenas poidan falar das súas inquedanzas, experiencias e cuestións relacionadas coa educación emocional e o consumo de drogas.
.
2. Adiviña a combinación.
Nesta actividade tratouse de que o alumnado fora un paso máis adiante e se adentrara no mundo das emocións primarias e secundarias. En primeiro lugar, colgouso un fragmento da película “Inside Out”. https://www.youtube.com/watch?v=83MzL3YGR3M
Este fragmento contén explicacións escritas por psicólogos que acompañan ás imaxes do video, e que versan sobre a importancia dos estados emocionais (o pensar e o facer está influído polo sentir, as emocións inflúen no pensamento condicionando o que recordamos e ao que atendemos e no noso comportamento activándonos ou deprimíndonos, estas poden ter orixe externo (feitos) ou interno (pensamentos)…)
Posteriormente, para a realización da actividade, presentouse o gráfico de superposicións emocionais (emocións primarias e secundarias) desta película. Con este material realizáronse xogos e cartas das emocións.
3. Desmontando mitos.
Esta actividade consiste en desmontar mitos sobre as drogas, o que está directamente relacionado coa educación emocional porque implica explorar as crenzas e actitudes que as persoas teñen sobre as drogas e como estas crenzas poden basearse en mitos e non en feitos. Ao identificar e desafiar estes mitos, pódese fomentar unha maior conciencia emocional e mellorar a capacidade dos nenos para comprender os riscos asociados ao consumo de drogas.
A actividade tamén pode ser eficaz porque permite que os nenos exploren as súas emocións arredor das drogas e aprendan a expresar os seus sentimentos de forma eficaz. Isto pode ser especialmente importante para os nenos que poden sentirse incómodos ou avergoñados de falar sobre iso e necesitan un ambiente seguro e de apoio para explorar os seus sentimentos e emocións en torno ás drogas.
Algúns dos mitos que se poden desmontar son:
- As drogas só son perigosas se as usas durante un longo período de tempo.
- As drogas fan que teñas máis confianza en ti mesmo.
- As drogas axudan a expresar as túas emocións.
- As drogas aumentan a creatividade.
- As drogas só afectan aos adictos.
- A marihuana non é adictiva.
- O alcohol é menos prexudicial que outras drogas.
.
4. O xogo das emocións.
Para desenvolver esta actividade divideuse ás persoas en grupos de 4 ou 5. Seguidamente, a cada grupo asignóuselle unha das seguintes categorías: “sentimento neutro”, “sentimento negativo” e “seguimento positivo”. Para cada unha das categorías, tíñanse unha serie de cartas preparadas con antelación. A continuación, a coordinadora levantou unha carta, as cales recollen frases como: “Cal foi a película que máis sentimentos negativos che provocou? Que sentimentos? Por que?”; “Cóntanos a situación na que máis sentimentos positivos experimentaras. Que sentimentos? Por que?”, etc. Ademais, foise rotando á hora de levantar a carta para que todas as persoas puideran participar, incluíndo as coordinadoras.
Esta actividade ten unha relación indirecta coa prevención do consumo de drogas, xa que pode axudar ás crianzas a desenvolver habilidades emocionais e a recoñecer e expresar os seus sentimentos de forma adecuada. Moitas veces, o consumo de drogas pode ser un xeito inadecuado de xestionar sentimentos negativos, como a ansiedade, o estrés ou a tristeza, polo que se aprenden a recoñecer e xestionar as súas emocións de forma saudable, poden ser menos propensos a recurrir ao consumo de drogas para afrontar situacións difíciles.
Ademáis, o feito de expoñerse ante os seus compañeiros a falar abertamente das súas emocións pode axudar a crear un ambiente de apoio, onde se sintan cómodos discutindo os seus problemas e preocupacións sen medo a xuízos ou estigmas. Algo que é crucial para previr o consumo de drogas, axudándoos a sentirse máis seguros e conectados socialmente.
5. Presión de grupo.
Esta sesión estivo conformada por varias actividades. En primeiro lugar levouse a cabo o experimento de Asch (10 min) para dar inicio á sesión. Para a súa realización pedíronse 8 voluntarios, os asistentes restantes actuaron como observadores. Un dos 8 voluntarios foi o suxeito de proba e non podía escoitar as instruccións. O experimento consiste en comparar barras. Primeiro preséntanse tres barras de diferentes tamaños (A, B e C), e pídeselles que as comparen en lonxitude con outra barra de referencia (X) e que indiquen cal das 3 barras é igual de longa que a barra de referencia. As primeiras 3 veces os “compinches” deberán contestar de forma correcta, pero nunha 4, deberán dar respostas erradas (é esencial que o “suxeito de proba” tome a súa decisión despois de escoitar ao resto de membros do grupo).
A continuación, aproveitouse a actividade anterior para explicar que é a presión de grupo e as distintas respostas que se poden dar: asertiva, agresiva e pasiva.
Finalmente fíxose un exercicio de reflexión ante unha situación relacionada coa presión de grupo e o consumo de alcol. Primeiramente, expúxose unha situación na que dous amigos tratan de convencer a outro de irse con eles a tomar unha cervexa. seguidamente pediráselles aos participantes que expoñan un exemplo de cada tipo de resposta (asertiva, agresiva e pasiva) á devandita situación. Logo deberon responder ás seguintes cuestións: Que pensas desta situación? Cómo che fai sentir esta situación? Algunha vez estiveches nunha situación parecida a esta? Crees que o protagonista se está enfrontando á presión de grupo? Por que?
6. Proba ou verdade.
En primeiro lugar o alumnado, nunha sala grande, séntase en círculo. No medio están as educadoras e contamos con 6 fichas correspondentes a 6 familias de emocións: medo, alegría, tristeza, sorpresa, rabia e amor. En cada ficha escribíronse 3 probas e 3 verdades de cada unha das familias de emocións (ver exemplo ao final da explicación). Cada alumno/a, por orde, laza un dado, e segundo o número que lle toque corresponderalle a unha familia de emocións (1: medo, 2: alegría, 3: tristeza… etc). Cada persoa debe escoller entre verdade ou proba, que corresponderá a unha pregunta ou un desafío, e segundo a súa elección lerase unha das de cada carta (podemos tachar as que se fixeron para non repetilas). Se a persoa en cuestión fai ben a proba ou responde correctamente á pregunta, gaña un punto. A persoa que acade os 5 puntos gañará a partida.
Os obxectivos son:
- Recoñecer, observar e identificar as propias emocións e as alleas
- Fomentar a cooperaración e a motivación do grupo.
- Ampliar o vocabulario sobre a familia das emocións.
- Profundizar nas emocións positivas e negativas.
- Favorecer a cohesión grupal.
7. Clase de Ioga.
Nesta actividade, realízase unha clase de ioga completa levada a cabo por un profesional. O Ioga trátase dunha práctica que conecta o corpo coa respiración de cada individuo e incluso, nalgunhas actividades, coa respiración doutros compañeiros/as. Empregouse neste caso, o Hatha Yoga, apto para todo tipo de idades e cun proceso lento e fácil de desenvolver para principiantes. Ao comezo e ao final da clase fixéronse unhas preguntas sobre os coñecementos do Ioga e os resultados obtidos ao final tras realizar uns estiramentos e dous ou tres bloques de Ioga en función do tempo.
Os obxectivos son:
- Canalizar a respiración para fomentar o autocontrol e a conexión entre mente e corpo.
- Reducir o estrés e os niveis de ansiedade para non recurrir a drogas ou alcohol.
- Ensinar técnicas de meditación.
- Xestionar o control dos impulsos (ira, frustación, rabia…).
8. Botella de cualidades.
Na primeira das sesións pedíuselle a cada un dos alumnos e alumnas que levaran unha botella ou bote decorado ao seu gusto, estará escrito o seu nome por fóra de xeito que sexa visible para os seus compañeiros e compañeiras, e deixarano no aula. Ao longo de todas as sesións os/as integrantes do grupo escribiron unha cualidade, un momento bonito, unha experiencia positiva que recorden, un xesto que lles gustara… de cada un dos seus compañeiros/as, e metérono no bote ou botella correspondente. Asi, os botes fóronse enchendo a medida que pasaban as semanas con aportacións distintas.
Ao final de todas as sesións, cada persoa abriu o seu bote ou botella de cualidades e leu todas as cousas positivas que lle escribiron. Trátase dunha actividade que aumentou a autoestima do alumnado e a súa confianza en sí mesmos/as, ademáis de favorecer a cohesión e os vínculos afectivos do grupo.
Os obxectivos son:
- Fomentar a autoaceptación, para que os nenos non busquen validación en substancias adictivas.
- Aprender a recoñecer e aceptar as propias fortalezas e como unha ferramenta para evitar a presión dos compañeiros cara ao consumo de drogas.
- Desenvolver unha actitude positiva cara un mesmo e cara os demáis.
9. Kahoot e as emocións.
Kahoot: Utilizouse a páxina web Kahoot.com para realizar un xogo de aprendizaxe a modo de cuestionario sobre conceptos básicos tratados ao longo de todo o proxecto, tanto sobre educación emocional coma sobre consumo de drogas e a súa relación.
Cuestionario: A modo de remate, reparituse o cuestionario proporcionado na primeira sesión para que o volveran a cubrir, de maneira que poidamos observar os coñecementos que este proxecto proporcionou ao alumnado.
Os obxectivos son:
- Esclarecer conceptos.
- Contrastar os coñecementos co inicio do proxecto.
administracion@asociacionxanela.gal
Teléfono
(34) 620087248
Dirección
Santiago de Compostela, Galicia.
Redes sociais
Colaboracións









